Inicio > Blog! > Local Project - Blues

Local Project - Blues

1/02/2013

Durante as sesións de combo do Local Project vimos, entre outras, a forma de blues.
O blues é unha forma especial. Naceu nos EE.UU. no século XIX, interpretada polos escravos afroamericanos a partir das súas raíces musicais. Foi unha forma musical que rompeu os moldes da música clásica e da súa harmonía e desenvolvemento melódico, e marcou o camiño da música moderna e popular do século XX.

 
A continuación imos ver como construimos un tema de blues. Imos empregar para este exemplo un blues en La, ou o que é o mesmo, en “A”.

 
Como sabedes, os elementos que compoñen a música son instrumentación, melodía, estrutura, harmonía e ritmo. Neste artigo imos tratar só 3: a melodía, a harmonía e a estrutura.


A ESCALA DE BLUES (MELODÍA)

Como xa dicía o mestre Bobby McFerrin, (coñecido polo seu éxito Don’t Worry, Be Happy e cun grande talento non tan coñecido), a escala pentatónica está metida dalgún xeito no noso cerebro de forma natural.

 
http://youtu.be/ne6tB2KiZuk

A escala empregada polo blues é a pentatónica menor, á que se lle engade unha nota, a blue note, que é a 4ª aumentada (ou 5ª disminuida), que na tonalidade de la sería un re#. Esta nota, que noutro contexto sería unha simple nota de paso entre o re e o mi, no blues adquire entidade de seu, sendo imprescindible o seu uso para conseguir ese son triste e áspero do blues. Isto quere dicir que podemos insistir en tocar esa nota, disonante para oídos clásicos, sen perder esa frescura do blues.
Neste exemplo, a blue note é a que está indicada en cor branca.

HARMONÍA

Este é outro dos aspectos que rompían os esquemas dos compositores clásicos europeos. Por primeira vez se incluía un acorde dominante (un acorde maior de séptima menor, coma pode ser A7) como acorde de tónica con peso de seu (I7). Ademáis, a escala empregada é independente da harmonía que se emprega, e o que en música clásica sería considerada unha disonancia, en blues está permitido e incluso é desexable.
Os acordes empregados en blues na súa forma máis básica son os de primeiro grao (I), cuarto grao (IV) e quinto grao (V). Numéranse así pola distancia que teñen con respecto á nota que lle da nome ó ton que estamos usando, e sempre en números romanos. No blues en la, la sería o I grao; re o IV grao (la-si-do-re) e mi o V (la-si-do-re-mi). Os acordes serían por tanto la (A, ou A7), re (D, ou D7) e mi (E, ou E7). Traducido a notas, sería algo así:



A ESTRUTURA

O blues, na súa forma básica, é unha forma de 12 compases que se divide en tres frases. A primeira frase comeza co acorde de tónica, a segunda co acorde de subdominante e a terceira co acorde de dominante.



Así soa a estrutura básica dun blues en A. Podes baixar este arquivo e poñelo de fondo, e tocar sobre el.

 

Para pianistas, unha posible maneira de tocalo moi sinxela sería:

Estruturar a melodía

Un bo punto de partida para crear un blues é utilizando unha técnica de exposición-repetición-variación, aproveitando as tres frases do blues:

  • Na primeira (compases 1 a 4), tocamos un motivo (unha idea musical pequena) de uns 2-3 compases. (Exposición)
  • Na segunda (compases 5 a 8) repetimos esa mesma idea de xeito máis ou menos literal. (Repetición)
  • Na terceira (compases 9 a 12) tocamos unha variación dese motivo.


Tedes aquí un exemplo fantástico de Janis Joplin empregando esta técnica no seu tema Turtle Blues.
Por suposto isto non é máis que unha idea. O desenvolvemento da melodía ou da improvisación xa depende de vós. Podedes seguir investigando outras escalas, motivos, patróns, acordes e infinidade de variantes e estilos de blues.

¡Ata a próxima!

Lucas Rey Ramos
lucas@xeneme.com
https://soundcloud.com/lucas-rey-ramos

Etiquetas: formacion

Comentarios

Información de contacto

  • OFICINA: 986 856 573
  • WhatsApp: 639 98 66 52
  • MAIL: localdemusica@gmail.com
  • R/ Otero Pedraio, s/n. 36003. Pontevedra (Ao carón de Vialia)
  • Street view

Horarios de atención ao público:

  • luns a venres: 16:00 a 22:00
  • Sábados: 10:00 a 14:00 e 16:00 a 22:00

 

Concellaría de Xuventude

  • de 9 a 15h. de lúns a venres
  • T. 986 840 367
  • CASA AZUL, Rúa Sor Lucía 2-3 36002 Pontevedra

Localización

Onde estamos por se nos queres visitar

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos